Bangarang

    From KDE UserBase Wiki
    Revision as of 22:09, 8 July 2012 by Gallaecio (talk | contribs)

    Goce dos seus contidos

    Bangarang axúdalle a gozar da súa música, filmes, series, fontes de son e vídeo, fluxos de son, fragmentos de son e vídeo, CDs e DVDs.

    Desenvolvido por KDE

    Bangarang está deseñado para o seu escritorio KDE.

    Completamente integrado co escritorio semántico de KDE, Nepomuk, Bangarang pode acceder á información indexada dos contidos, e compartir a información obtida con outros aplicativos: puntuacións, etiquetas, estatísticas de uso, etc.

    Bangarang pode reproducir canto poida reproducir Phonon. As funcionalidades e configuracións de son e vídeo actívanse automaticamente son compatíbeis con Phonon.

    Os trebellos de Plasma compatíbeis con MPRIS poden controlar Bangarang directamente.

    Sempre baixo control

    Bangarang permítelle controlar a súa experiencia multimedia. En todo momento poderá acceder ás súas listas do Reproducido recentemente, Favoritos e Reproducido frecuentemente.

    A Vista de información forneceralle información útil cando a necesite. Poderá acceder aos seus estilos favoritos, os álbums que escoita con maior frecuencia e moito máis, todo completamente actualizado.

    Edite a información dos seus contidos facilmente. Obteña os datos do intérprete, a canción, o filme e a serie de provedores de datos coma Last.fm, themoviedb.org e theTVDB.com. Empregue etiquetas para organizar os seus contidos como queira.

    Se prefire organizalos mediante xerarquías de ficheiros e cartafoles, Bangarang permítelle explorar o seu sistema de ficheiros como calquera outra lista de contidos. Cree e garde listas de medios, con vistas en directo e buscas.

    Engada marcadores a calquera ficheiro reproducíbel e continúe véndoo ou escoitándoo a partir do punto no que quedou.

    Libre

    Bangarang —que no inglés xamaicano significa ruído e caos— é un aplicativo libre desenvolvido por voluntarios. Pode ler o blog do proxecto aquí. Se quere participar con código, traducións, imaxes ou ideas, bótelle unha ollada á páxina do proxecto e siga a lista de correo.

    Informe de canto problema atope mentres usa Bangarang mediante o xestor de tarefas.

    Bangarang está dispoñíbel nos repositorios de software de calquera distribución de GNU/Linux, e desde opendesktop.org. Pode que ao saír unha nova versión tarde un pouco en aparecer nos repositorios da súa distribución. Se está interesado en empaquetar Bangarang para a súa distribución, atopará a última versión do código fonte aquí.

    Consellos

    Editar os metadatos de varios ficheiros

    Para editar os metadatos de varios ficheiros á vez, seleccióneos na lista de medios e prema o campo da Vista de información que queira editar. Cando remate, prema o botón de Gardar.

    Cambiar a portada de todas as pistas dun álbum

    Para cambiar a portada de todas as pistas dun álbum, atope o álbum e ábrao para amosar todos os ficheiros. Seleccióneos, e prema a portada do álbum na Vista de información; abrirase un diálogo desde o que poderá seleccionar o ficheiro de imaxe que queira definir como o da portada do álbum. Asegúrese de premer o botón de Gardar cando remate.

    Eliminar a portada dun elemento

    Sitúe o cursor sobre o campo da portada na Vista da información. Prema a icona de borrar o contido do campo, na parte dereita, para eliminar a portada. Prema o botón de Gardar a continuación.

    Engadir un marcador a un ficheiro que se está a reproducir

    Prema o campo onde se amosa o tempo que leva reproducíndose o ficheiro. Aparecerá un menú contextual con opcións; escolla Engadir un marcador. A próxima vez que reproduza un ficheiro, aparecerá unha icona canda o tempo, indicando que hai marcadores dispoñíbeis.

    Explorar e reproducir ficheiros compartidos

    A lista de medios Ficheiros e cartafoles amosa os mesmos lugares que o panel Lugares de Dolphin. Iso significa que se ten música ou filmes nun cartafol compartido da rede, pode acceder a el desde Bangarang engadindo a ruta aos Lugares de Dolphin, de xeito que apareza ao escoller Ficheiros e cartafoles en Bangarang.

    Listas dinámicas personalizadas

    Pode establecer criterios para as listas do Reproducido recentemente, Favoritos e Reproducido frecuentemente; prema na parte inferior das Listas de sons e Listas de vídeos ao seleccionar calquera destas listas.

    Filtrar rapidamente a lista de contidos

    Se preme Ctrl + F na vista das Listas de contidos, aparecerá unha barra de filtro na parte inferior coa que poderá filtrar a lista.

    Crear coleccións personalizadas mediante etiquetas

    Pode engadir etiquetas a calquera contido. Busque o campo Etiquetas na Vista da información. Pode engadir varias etiquetas a calquera elemento, polo que os contidos poden pertencer a calquera colección de etiquetas. Para ver as coleccións de etiquetas escolla Etiquetas desde as Listas de contidos. Trátase de etiquetas de Nepomuk, polo que calquera outro aplicativo poderá tamén acceder a elas. O que significa tamén que se engade unha etiqueta desde Dolphin, tamén aparecerá en Bangarang.

    Non dubide en engadir máis consellos á lista.